Naceu en Lugo, moi preto da muralla, nunha casa que xa non existe,
nos últimos días de 1955. Medrou nun barrio a medias obreiro, con moitos
espacios aínda sen edificar, e grandes prados, hortas e chousas. Xogou
moito ó aire libre cos seus amigos e leu algúns libros e tebeos.
Licenciouse en Bioloxía na Universidade de Compostela, en 1978. É
profesor de Bioloxía e Xeoloxía no Instituto Xoán Montes da súa cidade
natal. Desde neno escribiu versos. Proximamente editará As cidades mergulladas. Poesía reunida (1973-2002).
En 1988 comezou a escribir prosa, relatos e novelas para adultos. Tén
dous fillos. Para eles escribiu algúns libros do que se deu en chamar
literatura infantil e xuvenil. No 2002, con 44 anos, atreveuse a
publicar libros para nenos, como Lúa e os nubeiros, Feitizo, Aventuras do coello Federico, Ariadna e Pel de lobo.
É especialista en literatura de tradición oral. Xunto a Antonio Reigosa
e Xoán R. Cuba publicou moitos libros de contos populares galegos,
dirixidos a un público infantil, reunidos na colección 'Cabalo buligán',
da que é codirector, así como o Diccionario dos seres míticos galegos, a Pequena mitoloxía de Galicia, os Contos colorados, narracións eróticas da tradición oral e o recente Cando os animais falaban.
Ningún comentario:
Publicar un comentario