martes, 12 de febreiro de 2013

Libros de piratas

A illa do tesouro

A illa do tesouro é unha novela de aventuras escrita en inglés polo escocés Robert Louis Stevenson, editada en libro en Londres en 1883 (publicada orixinalmente por entregas na revista infantil Young Folks entre 1881 e 1882 co título de The Sea Cook, or Treasure Island). Foi verquida ao galego por primeira vez por Xavier Alcalá (1984).
Esta obra foi fonte de inspiración no cinema, na televisión, na literatura, en banda deseñada e ata en videoxogos. A novela adopta un ton crítico e unha reflexión moral do protagonista cara ao diñeiro e a ambición.

 Argumento

Jim Hawkins é un mozo que traballa cos pais nunha pousada chamada O almirante Benbow. Un día para nela un mariñeiro chamado Billy Bones, cuxa única posesión é un vello cofre. A taberna recibe a visita dun mariñeiro cego a mesma noite en que o pai de Jim morre. O cego ameaza a Bones dicíndolle que máis tarde el e os seus o atacarán para recuperar o cofre. Bones morre de apoplexía, produto da súa adición ao ron. Jim e a súa nai foxen co contido do cofre e ven desde fóra como os piratas esnaquizan o Almirante Benbow.
Jim refúxiase na casa do escudeiro Trelawney xunto co doutor Livesey. Jim móstralles o mapa do tesouro que atopou no cofre de Bones e os tres deciden ir buscalo. Trelawney consegue como tripulantes a Long John Silver, ex contramestre do capitán Flint, e mais o capitán Smollet, que se pon ao mando da Hispaniola. A pesar das protestas do capitán sobre a súa mala tripulación, o barco parte. Durante a travesía, Jim cae nun pipo de mazás e, dentro del, escoita os plans de traizón de Silver e doutros mariñeiros. Jim coméntalles o sucedido aos seus compañeiros, que deciden trazar un plan contra eles.
Tras chegar á illa, Silver e a maioría dos mariñeiros desleais desembarcan. Jim vai con eles, pero foxe e atopa un ex mariñeiro do capitán Flint abandonado na illa, chamado Ben Gunn. O capitán, o escudeiro, o doutor e os seus servos reteñen os poucos mariñeiros traidores que quedaran no navío e refúxianse nun fortín da illa. Tras negociacións erradas entre ambos os bandos, sucédense algúns combates con armas de fogo no fortín.

Ningún comentario:

Publicar un comentario