mércores, 13 de febreiro de 2013

Xosé Miranda o autor

Naceu en Lugo, moi preto da muralla, nunha casa que xa non existe, nos últimos días de 1955. Medrou nun barrio a medias obreiro, con moitos espacios aínda sen edificar, e grandes prados, hortas e chousas. Xogou moito ó aire libre cos seus amigos e leu algúns libros e tebeos.
   Licenciouse en Bioloxía na Universidade de Compostela, en 1978. É profesor de Bioloxía e Xeoloxía no Instituto Xoán Montes da súa cidade natal. Desde neno escribiu versos. Proximamente editará As cidades mergulladas. Poesía reunida (1973-2002).
   En 1988 comezou a escribir prosa, relatos e novelas para adultos. Tén dous fillos. Para eles escribiu algúns libros do que se deu en chamar literatura infantil e xuvenil. No 2002, con 44 anos, atreveuse a publicar libros para nenos, como Lúa e os nubeiros, Feitizo, Aventuras do coello Federico, Ariadna e Pel de lobo.
   É especialista en literatura de tradición oral. Xunto a Antonio Reigosa e Xoán R. Cuba publicou moitos libros de contos populares galegos, dirixidos a un público infantil, reunidos na colección 'Cabalo buligán', da que é codirector, así como o Diccionario dos seres míticos galegos, a Pequena mitoloxía de Galicia, os Contos colorados, narracións eróticas da tradición oral e o recente Cando os animais falaban.


martes, 12 de febreiro de 2013

Libros de piratas

A illa do tesouro

A illa do tesouro é unha novela de aventuras escrita en inglés polo escocés Robert Louis Stevenson, editada en libro en Londres en 1883 (publicada orixinalmente por entregas na revista infantil Young Folks entre 1881 e 1882 co título de The Sea Cook, or Treasure Island). Foi verquida ao galego por primeira vez por Xavier Alcalá (1984).
Esta obra foi fonte de inspiración no cinema, na televisión, na literatura, en banda deseñada e ata en videoxogos. A novela adopta un ton crítico e unha reflexión moral do protagonista cara ao diñeiro e a ambición.

 Argumento

Jim Hawkins é un mozo que traballa cos pais nunha pousada chamada O almirante Benbow. Un día para nela un mariñeiro chamado Billy Bones, cuxa única posesión é un vello cofre. A taberna recibe a visita dun mariñeiro cego a mesma noite en que o pai de Jim morre. O cego ameaza a Bones dicíndolle que máis tarde el e os seus o atacarán para recuperar o cofre. Bones morre de apoplexía, produto da súa adición ao ron. Jim e a súa nai foxen co contido do cofre e ven desde fóra como os piratas esnaquizan o Almirante Benbow.
Jim refúxiase na casa do escudeiro Trelawney xunto co doutor Livesey. Jim móstralles o mapa do tesouro que atopou no cofre de Bones e os tres deciden ir buscalo. Trelawney consegue como tripulantes a Long John Silver, ex contramestre do capitán Flint, e mais o capitán Smollet, que se pon ao mando da Hispaniola. A pesar das protestas do capitán sobre a súa mala tripulación, o barco parte. Durante a travesía, Jim cae nun pipo de mazás e, dentro del, escoita os plans de traizón de Silver e doutros mariñeiros. Jim coméntalles o sucedido aos seus compañeiros, que deciden trazar un plan contra eles.
Tras chegar á illa, Silver e a maioría dos mariñeiros desleais desembarcan. Jim vai con eles, pero foxe e atopa un ex mariñeiro do capitán Flint abandonado na illa, chamado Ben Gunn. O capitán, o escudeiro, o doutor e os seus servos reteñen os poucos mariñeiros traidores que quedaran no navío e refúxianse nun fortín da illa. Tras negociacións erradas entre ambos os bandos, sucédense algúns combates con armas de fogo no fortín.

luns, 11 de febreiro de 2013

Benito Soto: o derradeiro pirata

Chamábase Benito Soto, nacido na Moureira (Pontevedra) nun entrono de pobreza, e non chegou aos 25 anos (22 de marzo de 1805, 25 de xaneiro de 1830).

Foi o sétimo fillo dunha familia de catorce. Xamais aprendeu a ler, pero converteuse nun espabilado contrabandista ao que, aos dezaoito anos de idade, semellaron quedarlle estreitas para as súas correrías as augas da costa galega. Embarcado rumbo a Cuba, nese momento pérdese a vista das súas andanzas ata a súa reaparición, pouco despois, a bordo de "O Defensor de Pedro". A partir de entón hai dúas versións da vida de Benito Soto: na primeira a de que se tratou sempre dun honrado mariñeiro que pola necesidade e as circunstancias acabou combatendo a corsarios inimigos, e, na segunda, que directamente actuou en barcos corsarios españois contra buques doutros países. En calquera caso, dáse por seguro que navegou en buques negreiros e tivo máis dun enfrontamento armado, o que lle outorgou unha notable experiencia en combates no mar.

O feito é que, a finais de 1827, con só 23 anos de idade, figura xa como segundo contramaestre de "O Defensor de Pedro", un bergantín de bandeira brasileira con destino a África que tiña "patente de corso" para exercer a piratería contra toda aquela embarcación que se considerase inimiga do goberno que o contratou. Isto significa que, separadamente da licenza corsaria, tratábase dun barco negreiro, cuxa misión principal é embarcar escravos no continente negro para trasladalos a América.

O 3 de xaneiro de 1828,  "O Defensor de Pedro" fondea no Cabo de San Pablo e o capitán, Pedro Mariz de Sousa Sarmento, e algúns membros de confianza da súa tripulación, abandonan o buque intuíndo que, a bordo, estábase xestando un motín. Asume a responsabilidade do mando o tenente da Armada portuguesa, Antonio Rodrigues, quen o 26 de febreiro enfróntase a unha rebelión encabezada por Benito Soto: a loita acaba coa expulsión dos tripulantes considerados non válidos e, ao grito de Abaixo os portugueses!, Soto encerra primeiro e ordena asasinar despois ao seu principal cómplice e, á vez, rival na revolta, tomando "de facto" e de xeito unipersonal o poder a abordo.

A partir deses sucesos, podemos considerar que  "O Defensor de Pedro" xa non era un buque con patente de corso, senón un barco pirata que navegaba baixo ningunha patria e baixo ningún deus como non fosen a cobiza dos seus mariños e as ordes de Soto. Ata foi rebautizado como “Burla negra”.

Deciden partir con rumbo ás Azores. Ao seu paso abordaron ao "Morning Star", a "Topaz", o "Unicorne" (que logrou escapar), o "Cessnock", a "Ermelinda" e o "New Prospect" e en case todos os casos tratouse duns asaltos en verdade sanguiñentos e que falan moi pouco ben de como llas gastaba Benito Soto en alta mar.

O asalto ao "Morning Star" converteuse en toda unha matanza. Ao non querer que houbese testemuñas da súa feitoría e logo de matar aos tripulantes que aínda resistían, Soto ordenou que se afundise a fragata inglesa e eliminásese a todo a súa pasaxe.

Non correron mellor sorte os vinte e dous tripulantes da fragata norteamericana "Topaz", pasada polas armas, un golpe que lle proporcionou a Soto o que probablemente fose o seu maior botín en xoias, pedras preciosas, reloxos de ouro, sedas de Chinesa e a India, e moedas. Con aquel tesouro nas súas bodegas, o pirata comunicou aos seus homes que xa era hora de volver a casa, poñendo a "Burla negra” proa a Galicia.

En ruta cara ao Noroeste de España, o bergantín pirata non dubidou en atacar a aqueles barcos que se lle cruzaron no camiño e, así, foron caendo, entre outros, a fragata portuguesa "Ermelinda" e o "New Prospect". Cando, xa na mesmísima bahía de Marín (Pontevedra), Benito Soto críase rico e a salvo de calquera contratiempo, produciuse, para el, un feito inesperado. Ocorreu que se atopou con máis dificultades das previstas para vender a mercaduría, de modo que se dirixiu ao Sur da Península, recalando varado, debido a un erro do timonel que confundiu Punta Tarifa coa Illa de León, a tan só catro quilómetros do porto de Cádiz, é dicir, ao alcance tanto das autoridades españolas como británicas, as cales procederon á detención dos bandidos.

Trala confusión inicial polo sucedido, os piratas decidiron fuxir, pero aos poucos foron capturados. O capitán Soto chegou case ata Xibraltar onde foi capturado.

A sentenza de morte de Benito Soto foi dictada por un tribunal inglés porque a mans británicas foi cedido por expresa vontade do rei Fernando VII quen, con todo, encargouse de que a maioría da tripulación do bergantín "Burla negra" fose xulgada e sentenciada a morte pola maxistratura militar española.

Isto é un feito bastante curioso. Realmente aqueles piratas non fixeran dano a España, nin atacaban os seus intereses, soamente atacaban barcos baixo outra bandeira, pero para o nefasto Fernando VII, a cidade de Cádiz era especialmente aborrecible por ser berce dos liberais; o monarca entendeu que a mellor forma de infundir o terror entre os seus habitantes e salvagardar o seu patético reinado era reunir aos condenados e proceder ao seu aforcamento en público, ante as Portas de Terra, e en dúas xornadas consecutivas, as do 12 e o 13 de xaneiro de 1830. Non satisfeito con iso, o rei ordenou descortizar os cadáveres e exhibir as súas cabezas durante varios días en distintos lugares da cidade.

A execución de Benito Soto, o 25 de xaneiro de 1830, resultou especialmente cruel. O verdugo colocou a corda demasiado alta, pero Soto axudouno subíndose ao cadaleito para meter ben a cabeza no lazo e, tras gritar ao público Adeus a todos, a función terminou! saltou ao baleiro, pero os pés tocaban o chan e non acabou de afogarse -para satisfacción do público- ata que o verdugo, cunha pala, quitou algo de terra baixo os seus pés e o pirata finalmente morreu.

Poderiamos pensar que era unha persoa cruel e sanguiñenta. Pero no seu favor  hai que ter en conta que el  vive nun ambiente no que durante moitísimos anos berrouse “morte ao inglés”, foron dous ou tres séculos no que España rivalizaba pola conquista dos mares con Inglaterra e ese era un berro habitual. Despois, en época de paz e de alianza cos ingleses, había moita xente que seguía con esa espiña cravada; tamén estaba o tema de Xibraltar, o da escravitude, dos negreiros, etc., e Benito Soto naceu tardiamente,  porque si o fixese cen, ou douscentos, anos antes tería unha estatua en cada praza. Sen ningunha dúbida, de nacer na época que lle correspondeu, a súa fama podería ser comparable aos grandes corsarios como Francis Drake ou Henry Morgan, ao servizo de Inglaterra ou Barbavermella, ao servizo do Imperio Otomán.

Dise  que o  poema “A canción do pirata” de José de Espronceda está inspirado nesta figura.

Bibliografía para saber máis

Alejandro Benisia y Fernández de la Somera publicou en 1855 El milano de los mares, unha novela rosa na que se narraban parte dos feitos.
O Capitán de Navío Joaquín Lazaga y Garay publicou en 1892 o ensaio Los piratas del Defensor de Pedro. Extracto de las causas y proceso formados contra los piratas del Bergantín brasileño El Defensor de Pedro, que fueron ahorcados en Cádiz en los días 11 y 12 de enero de 1830.
José María Castroviejo publicou en 1955 La Burla Negra, máis fidedigna cás anteriores, pero que non trata a Soto como protagonista da trama, senón a Victor Saint Cyr Barbazán, outro dos piratas.
Ramón Solís en 1971 publicou a novela El dueño del miedo, onde fala de parte dos acontecementos.
Jorge Parada Mejuto publicou en 1994 O pirata da Moureira (Ed. Xerais).
Xosé Miranda publicou en 1998 Morning Star (premio Xerais), onde se tratan os feitos de Benito Soto.
Gerardo González de la Vega publicou en 1999 o ensaio Mar Brava, onde detalla e sintetiza as desventuras de Benito Soto entre outras historias de piratas.
Francisco Javier Castro Miranda e Enrique García Luque publicaron en 2008 a novela Los Diablos del Mar. La odisea de la Burla Negra, unha ficción histórica fiel aos datos reais.
  1. Fonte da bibliografía wikipedia

xoves, 7 de febreiro de 2013

O pronunciamento de 1846

Os Mártires de Carral

O coronel Miguel Solís.
 A revolución de 1846 foi un pronunciamento liberal, unha reacción progresista fronte ao goberno autoritario do Xeneral Narvaez. Ou cando menos naceu así, aínda que moi logo adquiriu unha compoñente paralela: as reivindicacións provincialistas, na procura dunha xestión política máis autónoma, comezaron a tinguir as proclamas da Xunta Superior do Reino de Galiza. O 2 de abril o coronel Solís, que entrara en contacto coas ideas liberais na Coruña, influenciado por Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina, pronúnciase en Lugo, uníndose case de inmediato Santiago ao movemento, e nos días seguintes Pontevedra e Vigo. A revolución fracasa nos restantes territorios do Estado, sendo este un dos factores que máis incidiu no carácter provincialista e galeguista do movemento.
Manifesto revolucionario
A este respecto o catedrático de Historia Contemporánea da USC, Xusto Beramendi, explica que "cando se inicia en Lugo non se diferencia de calquera outro pronunciamento liberal, sobre todo porque en Lugo non había provincialistas, xa que estaban bastante concentrados en Santiago. Cando o pronunciamento recibe o apoio civil, o grupo de provincialistas, que eran de ideoloxía progresista, toma un papel moi activo e ocupa postos de gran responsabilidade nas xuntas revolucionarias. É daquela cando se comezan a advertir nalgunhas proclamas da Xunta algunhas ideas que non aparecen nos manifestos progresistas convencionais". 

As reivindicacións provincialistas
Antolín Faraldo

Os provincialistas pulaban por recuperar a unidade administrativa do Reino de Galicia, disolto na reforma de 1833, e defendían unha política autónoma respecto a Madrid na tarefa lexislativa e un sistema tributario propio. Emprestáronlle inmediatamente o seu apoio político e mobilizáronse a prol da insurrección. Santiago pasou a converterse daquela na capital deste movemento, constituíndose alí o 15 de abril a Xunta Superior do Reino de Galicia. Un dos seus líderes, Antolín Faraldo, fundou o periódico La Revolución para que convertese no voceiro da Xunta.

O carácter galeguista do movemento é nidio nos manifestos publicados pola Xunta Superior, nos que se afirmaba que "Galiza, arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai a erguerse da súa humillación e abatemento. Esta Xunta, amiga sincera do país, consagrarase a engrandecer o antigo Reino da Galiza, dando proveitosa dirección aos numerosos elementos que atesoura no seu seo, erguendo os cimentos dun porvir de gloria".

E ese carácter autónomo tamén se percibía nos actos: o día 16 publica un decreto polo que se adoptan as primeiras medidas económicas e administrativas: nulidade de todos os actos do goberno de Madrid dende o día 2 de abril, sometemento de todas as xuntas a Xunta Superior do Reino da Galiza, abolición do sistema tributario, e supresión da policía.

Os provincialistas galegos teñen unha ideoloxía marcadamente progresista, ao igual que case todos os movementos nacionalistas xurdidos en Galiza dende entón. "O nacionalismo galego é diferente ao doutros territorios do Estado Español e do continente europeo: nace cunha matriz ideolóxica de esquerdas, mentres que noutros países xorde dunha matriz tradicionalista e conservadora", explica Beramendi, que engade que "as razóns desta especificidade temos que atopalas en que a xerarquía eclesiástica que exercía en Galiza estaba moi castelanizada dende o século XVII; e tamén en que a outra clase social ligada ao antigo réxime, a fidalguía, sae moi ben parada da revolución liberal, pois mantén a súa posición de perceptora de rendas forais e comeza a ocupar cargos na administración que viña de ser creada".

Monumento aos Mártires de Carral
 De Cacheiras a Carral
O xeneral Narváez enviou tropas baixo o mando do xeneral La Concha para recuperar o territorio. O día 23 de abril comezou a batalla de Cacheiras entre as tropas de Madrid e as galegas de Solís, que foron derrotadas. A grande superioridade das tropas do goberno central fixo inútil a resistencia e as tropas de Concha entraron en Compostela a saqueo e pillaxe, como se lles prometera. Solís, que se refuxiara en San Martiño Pinario, entregouse aquela mesma tarde.

Tres días despois, un xuízo sumarísimo condenouno a morte en Carral. Este xuízo non foi celebrado en Santiago ou na Coruña por medo aos simpatizantes do coronel que había nestas cidades. Manuel Murguía, que daquela era aínda un cativo, foi testemuña directa do asalto das tropas invasoras a San Martiño. Canda a Solís, foron fusilados en Carral doce dos seus oficiais. Anos despois os trece executados foron designados polo goberno como 'beneméritos da Patria' e ordenouse a construción dun monumento en Carral, que non foi efectivo até 1904, por iniciativa da Liga Galega da Coruña.

Na derrota nacen os mártires
1931: acto da RAG no monumento aos Mártires
O galeguismo político, convertido xa en nacionalismo tomou aos 'mártires de Carral' como referente simbólico, realizando homenaxes masivas ao pé do monumento nos aniversarios dos fusilamentos, como o que tivo lugar o 26 de abril de 1931, e no que destacou como orador Manuel Lugrís Freire. A este respecto Beramendi salienta que "é no futuro cando este pronunciamento adquire importancia, na relectura que dos feitos fai o galeguismo, que o asume posteriormente como un fito propio, e os derrotados no 1846 pasan a se converter nos primeiros mártires do galeguismo".

Situación de Cacheiras
Escudo de Teo
Beramendi engade que "A reivindicación chega case de inmediato, xa no que podemos considerar provincialistas de segunda xeración, que no décimo aniversario da derrota comezan a homenaxear a acción de Solís, por exemplo cun número especial do xornal La Oliva, que dirixía Murguía, en 1856". En 1856 celébrase tamén o Banquete de Conxo. Como escribiu Luís Gonçales Blasco (Foz) "o Banquete de Conxo debe ser relacionado co levantamento de 1846; en efecto, despois da represión que seguiu á derrota de 1846 o Banquete supuxo unha nova posta en pé do sentimento liberal e democrático da Galiza, sempre ligado á reivindicación da súa identidade histórica. Foi organizado polos sectores mais avanzados do estudantado galego desa altura".